Monday 20 de May de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas da orde de infraestruturas que benefician a 172 concellos


As axudas teñen como principal obxectivo mellorar as condicións de vida das persoas residentes nas áreas rurais, a través da reforma das dotacións municipais existentes de infraestruturas básicas e da implantación e mellora dos servizos básicos

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais destinadas a concellos galegos para este ano, que beneficia a 172 concellos.

O goberno galego destina un total de 5.328.881 euros para 172 proxectos subvencionados, que teñen como destino a creación e/ou mellora de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, entre os que se atopan proxectos para instalación, ampliación ou mellora das redes de alumeado público; pavimentación de vías públicas municipais; construción, mellora ampliación ou rehabilitación de espazos públicos, coma prazas, paseos, rúas, parques públicos e parques infantís; construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos básicos e/ou dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias; e construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de instalacións deportivas de uso público e/ou dotación de equipamentos das referidas instalacións.

A Xunta continúa a desenvolver medidas para potenciar e apoiar a prestación de servizos por parte dos nosos concellos, como Administración máis próxima aos administrados, converténdoos en motores do desenvolvemento económico rexional, co obxectivo último de garantir un equilibrio no territorio galego entre o medio rural e urbano, o interior e a costa que permita o desenvolvemento económico da totalidade do territorio, de tal xeito que a cidadanía galega teña unhas óptimas condicións de vida, con independencia do seu lugar de residencia.

Para a execución destes proxectos cóntase co cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), a través dos fondos incluídos no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020. As axudas económicas concedidas financian o 80% do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar, co límite de 40.000 euros para as solicitudes individuais de concellos e 50.000 euros para as solicitudes formuladas conxuntamente por varios concellos e para as presentadas por concellos resultantes dun proceso de fusión municipal constituída nos últimos 5 anos.

Neste sentido, consolídanse as medidas relativas á xestión eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles, co obxecto de continuar prestando os debidos servizos aos cidadáns en condicións de calidade que satisfagan as súas necesidades, sendo preciso minimizar custes e xestionar de forma compartida as actuacións públicas. Polo tanto, incentívanse tanto a cooperación entre os concellos como os procesos de fusión municipal voluntariamente concertados, entendidos como un sistema de reorganización que fai posible o aforro dos custos e asemade unha xestión máis eficaz.

Proxectos de xestión compartida
Entre aqueles desenvolvidos mediante a fórmula de xestión compartida, destacan os proxectos que van levar a cabo os concellos de Curtis e Sobrado para o Acondicionamento de vías municipais nos lugares do Castro e Adamonde, que recibirá unha subvención de 41.278 euros; ou o proxecto conxunto dos concellos de Ribeira e Porto do Son para a pavimentación do vial de Gándara (Ribeira) a Campo de Patas (Porto do Son), cunha subvención de case 50.000 euros.